O uso ilícito dunha obra protexida por dereitos de autor constitúe unha vulneración dos dereitos de autor.
En caso dun uso non autorizado, o usuario pode verse obrigado a aboar unha compensación ao autor. Esta obriga non depende de se é usuario era consciente do uso non autorizado. Polo tanto, un usuario de boa fe tamén pode estar obrigado a aboar unha compensación se non dispuña da autorización correspondente para o uso.
O importe da compensación pode solicitarse na cantidade que como remuneración percibira o prexudicado, se o infractor pedira autorización. Outra posibilidade é que se calcule con base nas consecuencias económicas negativas, entre elas, a perda de beneficios que sufrira a parte prexudicada e os beneficios que o infractor obtivera pola utilización ilícita. O importe da indemnización por danos e perdas valórase individualmente en cada caso.
No caso de dano moral, procederá a súa indemnización, aínda non probada a existencia de prexuízo económico.
O uso non autorizado das obras é supervisado tamén polas entidades de xestión dos dereitos de propiedade intelectual.
Lei de Propiedade Intelectual Art. 140 e 150.
Pode cometer un delito contra a propiedade intelectual o que, con ánimo de obter un beneficio económico directo ou indirecto e en prexuízo de terceiro, reproduza, plaxie, distribúa, comunique publicamente ou de calquera outro xeito explote economicamente, en todo ou en parte, unha obra ou prestación literaria, artística ou científica, ou a súa transformación, interpretación ou execución artística fixada en calquera tipo de soporte ou comunicada a través de calquera medio, sen a autorización dos titulares dos correspondentes dereitos de propiedade intelectual ou dos seus cesionarios.
Nestes casos, poderá ser castigado coa pena de prisión de seis meses a catro anos e multa de doce a vinte e catro meses.
Código Penal, artigo 270.
A pena será superior nalgunha destas circunstancias:
a) Que o beneficio obtido ou que se puidera obter posúa especial transcendencia económica.
b) Que os feitos revistan especial gravidade.
c) Que o culpable pertencese a unha organización ou asociación, incluso de carácter transitorio, que tivese como finalidade a realización de actividades infractoras de dereitos de propiedade intelectual.
d) Que se utilice a menores de 18 anos para cometer estes delitos.
Nestes casos poderá imporse pena de prisión de dous a seis anos, multa de dezaoito a trinta e seis meses e inhabilitación especial para o exercicio da profesión relacionada co delito cometido, por un período de dous a cinco anos.
Código Penal Art. 271.
A piratería é a distribución de contido ao público sen o permiso do titular dos dereitos. Considérase pirata unha gravación que se realizou ilegalmente e na que se copiou material protexido sen permiso. O material puido copiarse dunha gravación orixinal legal, como un CD ou DVD, ou dunha actuación en directo, como unha interpretación no cine, un concerto ou a radio. As gravacións pirateadas son copias ilegais de obras e, polo tanto, non está permitido o seu uso privado nin público. As canles máis comúns para a distribución ilegal de obras son as redes entre iguais de Internet (P2P), os servizos de streaming, servizos de mensaxería e os servizos de almacenamento.