Realizar fotos

Como norma xeral, na vía pública sempre poden facerse fotos, a menos que se prohibira por algún motivo.

En espazos privados, como a casa de alguén, non poden facerse fotos sen o permiso do propietario. Tampouco en todos os lugares públicos está permitido sempre facer fotos, por exemplo, nalgúns hospitais, oficinas, ministerios ou museos. O propietario dun espazo tamén puido prohibir que se fagan fotos no seu espazo, por exemplo, nun museo de arte. Porén, a prohibición de facer fotos non se basea na Lei de Propiedade Intelectual.

Na vía pública poden fotografarse edificios ou obras de arte que se atopen alí de forma permanente. Un edificio tamén pode ser unha obra protexida por dereitos de autor. Un edificio que goce da protección dos dereitos de autor pode fotografarse libremente e a fotografía poderá distribuírse ou comunicarse publicamente. Polo tanto, o uso dunha imaxe realizada por ti dun edificio non require o permiso do propietario do edificio.

Lei de Propiedade Intelectual Art. 35.2.

Unha obra de arte (estatua, pintura, etc.) situada de forma permanente nun lugar público pode fotografarse libremente.

Lei de Propiedade Intelectual Art.      35.2

Calquera obra susceptible de ser vista ou oída con ocasión de informacións sobre acontecementos da actualidade pode ser reproducida, distribuída e comunicada publicamente, aínda que só na medida que o xustifique a devandita finalidade informativa. Por exemplo, ao realizar unha reportaxe ou entrevista a unha persoa con motivo da inauguración dunha exposición poderán captarse as imaxes dos cadros ou esculturas desta exposición.

Lei de Propiedade Intelectual Art. 35.1.

Os dereitos de imaxe

A persoa que aparece na foto non ostenta dereitos de propiedade sobre esta. Non ten dereitos baixo a Lei de Propiedade Intelectual para decidir a reprodución ou distribución ao público dunha copia da fotografía. Estes dereitos pertencen ao fotógrafo.

Porén, para fotografar a unha persoa precísase, con carácter xeral, o seu permiso.

Lei Orgánica 1/1982, de 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, artigo 7.

Publicación de imaxes

Facer unha foto non é o mesmo que publicala. A publicación dunha imaxe non debe vulnerar a honra ou a intimidade dunha persoa. A imaxe unha persoa tamén pode considerarse un dato persoal. Por exemplo, non poden publicarse datos persoais en Internet sen o permiso da persoa.

Se nunha fotografía hai persoas ás que se poida identificar, débese pedir permiso para facer a foto e publicala. No caso dos menores de idade, tamén se precisa o permiso dos titores para publicala.

Non está permitido o uso da imaxe dunha persoa en marketing e publicidade sen o permiso da persoa da imaxe. Se se utiliza a imaxe dunha persoa en publicidade sen o seu consentimento, a persoa retratada pode reclamar unha compensación polo uso da imaxe.

A intimidade e a honra de todo o mundo están protexidos pola lei. Se se publica sen autorización unha imaxe da vida privada dunha persoa de tal xeito que é probable que o acto cause dano, sufrimento ou desprezo dirixido cara a persoa da imaxe, pódese ser culpable dun delito contra a intimidade e propia imaxe. Pola difusión de información que invada a vida privada pode imporse unha pena de prisión ou multa. Ademais, é posible que deba aboarse unha indemnización por danos e perdas, sufrimentos e outras perdas.

É inxuria a acción ou expresión que lesionan a dignidade doutra persoa, menoscabando a súa fama ou atentando contra a súa propia estimación. Serán delito as inxurias que, pola súa natureza, efectos e circunstancias, sexan tidas no concepto público por graves. A inxuria pode ser grave se a información ou insinuación inxuriosa ou despectiva difúndese nos medios de comunicación, como nun xornal ou a televisión, ou ponse en coñecemento de varias persoas, por exemplo, difundíndoa en Internet. As inxurias graves feitas con publicidade castigaranse coa pena de multa de seis a catorce meses e, noutro caso, coa de tres a sete meses.

Código Penal Art. 208, 209 e 210.

Facer fotografías e publicalas na escola

Habitualmente fanse moitas fotos en viaxes escolares e campamentos. Tamén se fan fotos na clase. As disposición en materia de propiedade intelectual tamén son aplicables a estas situacións. Os dereitos de propiedade intelectual sobre unha fotografía orixínanse para a persoa que toma a foto, non para o obxecto da foto, persoa fotografada ou modelo. Para usar unha imaxe, por exemplo, nunha publicación escolar ou nun sitio web, debe pedirse permiso ao fotógrafo.

Tamén debe considerarse a protección da intimidade das persoas que poidan ser identificadas na fotografía. Para publicar a imaxe, tamén se precisa o seu consentimento. No caso de nenos menores de idade, tamén se precisa o consentimento dos titores. A fotografía dun alumno pode publicarse no sitio web da escola só co consentimento expreso dos titores do alumno.