Uso de obras audiovisuais

Que son as obras audiovisuais?

As obras audiovisuais son obras cinematográficas segundo o previsto na Lei de Propiedade Intelectual. Son obras cinematográficas e demais obras audiovisuais as creacións expresadas mediante unha serie de imaxes asociadas, con ou sen sonorización incorporada, que estean destinadas esencialmente a ser mostradas a través de aparellos de proxección ou por calquera outro medio de comunicación pública da imaxe e do son, con independencia da natureza dos soportes materiais das devanditas obras. Polo tanto, considéranse obras cinematográficas todo tipo de obras que conteñan imaxes en movemento, como películas, programas de televisión, vídeos musicais, anuncios e vídeos en liña.

Uso de obras audiovisuais no ensino

Precísase o permiso dos titulares de dereitos para proxectar películas e outras obras e gravacións audiovisuais no ensino.

Vídeos en liña

Como regra xeral, para proxectar vídeos en liña no ensino precísase permiso.

En Internet, hai moitos tipos distintos de material audiovisual para o ensino que poden usarse de acordo coas condicións de uso do sitio web ou servizo.

O uso dos servizos de vídeo de redes sociais en Internet, aos que os usuarios poden agregar o seu propio contido de vídeo, como YouTube e Vimeo, no ámbito do ensino, depende en gran medida das condicións de uso do servizo. As condicións de uso de moitos servizos permiten o uso do servizo exclusivamente para uso persoal. Porén, o uso e a proxección de vídeos no ensino poden estar permitidos, por exemplo, cunha licenza Creative Commons. Le máis sobre as licenzas Creative Commons.

Non está permitido mostrar e usar material que se compartira en lnternet ilegalmente.

Anuncios

Os anuncios de televisión e audiovisuais de Internet considéranse obras cinematográficas con dereitos de autor. Conforme á Lei de Propiedade Intelectual, tamén se precisa o permiso dos titulares dos dereitos para mostralos no ensino.

Programas de radio

Igualmente, para transmitir programas de radio no ámbito educativo precísase autorización. As obras radiofónicas están protexidas por dereitos de autor. Ademais, as entidades de radiodifusión tamén ostentan dereitos conexos sobre as súas emisións ou transmisións.

Lei de Propiedade Intelectual Art. 126.

Para facer uso de programas de radio, precísase autorización da entidade de radiodifusión.

Películas

As películas, como norma xeral, fanse para distribuílas en cines, alugamento de gravacións, plataformas e venda de DVD. As gravacións vendidas en grandes almacéns, tendas especializadas e tendas en liña, como gravacións de audio, casetes de idiomas ou películas en vídeo e DVD, así como gravacións de negocios de alugamento de vídeos, están destinadas ao uso privado.

As gravacións compradas, prestadas ou alugadas, como gravacións de audio, casetes de idiomas ou películas en vídeo e DVD, non poden copiarse con fins educativos sen permiso. O permiso para gravar ou copiar películas debe obterse directamente dos titulares dos dereitos, como as compañías produtoras.

Co permiso de EGEDA, unha gravación dunha película pode proxectarse nas actividades da aula, sen prexuízo dos dereitos que lles poidan corresponder a outros titulares de dereitos, representados por SGAE e DAMA. Para proxectar unha gravación na clase, tamén se precisa autorización.

A entidade de xestión de dereitos de propiedade intelectual EGEDA concede licenzas para a proxección de películas na aula. A licenza cinematográfica autoriza os centros educativos e outras entidades a proxectar películas de produtoras cubertas pola licenza. Coa licenza cinematográfica poden proxectarse películas adquiridas legalmente. Máis información sobre a licenza cinematográfica.

Tamén se pode solicitar o permiso á produtora da película.

Proxectar unha película nun círculo pechado

Un acto non se considera público se a proxección se produce nun ámbito estritamente doméstico, como na casa entre familia e amigos, que non estea integrado ou conectado a unha rede de difusión de calquera tipo.

É un acto de comunicación pública aquel no que unha pluralidade de persoas pode ter acceso á obra sen previa distribución de exemplares a cada unha delas. Nestas circunstancias, non importa se o evento é de pagamento ou gratuíto ou a cantidade de persoas presentes.

Creación dun cineclub

As películas alugadas, compradas en tendas e gravadas da televisión están destinadas, nun principio, ao uso privado e doméstico. As actividades dun cineclub non adoitan ser de uso privado, senón unha proxección pública. Polo tanto, para proxectar películas nun cineclub, precísase o permiso dos titulares dos dereitos.

Citas de películas

Con base no límite de cita tamén poderán empregarse fragmentos de películas. Deben cumprirse todos os requisitos sinalados no artigo 32.1 da Lei de Propiedade Intelectual, relativos ao límite de cita. Igualmente, poderase utilizar unha imaxe dunha película como parte dun material didáctico ou proxecto con base no límite de cita.

Videoxogos e xogos de consola

Os videoxogos tamén son obras protexidas por dereitos de propiedade intelectual. A súa reutilización (copia, distribución, transformación, comunicación pública), polo tanto, tamén require da autorización dos seus titulares de dereitos. Con carácter xeral, será o titular de dereitos a empresa desenvolvedora ou a empresa produtora, segundo o caso.