Que protexe os dereitos de autor

Os dereitos de autor protexen a forma de expresión orixinal reflectida nunha obra, mais non unha idea, información, teoría ou principio. Sobre un mesmo tema, materia ou trama poden crearse varias obras, e todas elas estarán protexidas. Por exemplo, poden escribirse moitos libros sobre a mesma trama ou pintar moitos cadros sobre o mesmo tema. Tamén pode usarse a mera información que contén unha obra, sempre que a escribas coas túas propias palabras. Unha obra nova no pode ser unha copia dunha obra anterior. A copia non cumpre cos requisitos de orixinalidade.

Que é unha obra

O obxecto dos dereitos de autor é unha obra creada por unha persoa. A obra pode ser literaria, artística ou científica. A obra pode ser literaria ou explicativa, unha presentación escrita ou oral, unha obra escénica ou de composición, unha obra cinematográfica, unha obra fotográfica ou outra obra de artes visuais. A listaxe non é exhaustiva, senón que unha obra pode manifestarse en calquera forma.

As obras literarias inclúen, por exemplo, libros, artigos, narracións curtas e poemas. De acordo coa Lei de Propiedade Intelectual, tamén se consideran obras os mapas e outros debuxos explicativos, obras en formato gráfico ou plástico, así como programas de ordenador. En cambio, as leis, os regulamentos e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores non están protexidos por dereitos de propiedade intelectual. Porén, si poderán estar protexidas por dereitos de propiedade intelectual determinadas producións editoriais das anteriores.

As obras de belas artes abranguen, por exemplo, pinturas, debuxos e esculturas.

Os dereitos de autor non confiren un dereito exclusivo para unha idea, información ou principio, senón para unha forma de manifestación orixinal e creativa dunha obra.

Lei de Propiedade Intelectual Art. 10

Orixinalidade

Para que o resultado dun traballo creativo reciba a protección de obra, debe acadar o nivel de obra, ou sexa, ser orixinal. Fálase de superar o limiar mínimo de orixinalidade. Non se esixe calidade nin valor artístico. Unha obra «mala» ou «fea» tamén pode estar protexida se é o resultado do traballo creativo independente e orixinal dun autor. A superación do limiar de orixinalidade decídese caso por caso. Como criterio habitual, será orixinal aquela obra que sexa o resultado do esforzo do seu autor e reflicta a súa pegada ou personalidade, froito de decisións libres ou creativas. Para estar protexida, unha obra debe ser orixinal.

A superación do nivel de obra valorouse de diferentes xeitos segundo o tipo de obra. A extensión da obra non inflúe no seu nivel de protección. Incluso un poema curto, un chío ou un slogan publicitario poden estar protexidos por dereitos de autor.

Que son os dereitos conexos

A Lei de Propiedade Intelectual tamén protexe determinados dereitos semellantes aos dereitos de autor. A estes denomínaselles dereitos conexos. Os dereitos conexos protexen os artistas intérpretes ou executantes e as súas actuacións, produtores de fonogramas, cine, empresas de radiodifusión, os editores de determinadas publicacións editoriais e publicacións de prensa, os fabricantes de bases de datos, os que realizan meras fotografías, entre outros.

Os dereitos conexos parécense aos dereitos de autor en moitos aspectos. A diferenza máis significativa é a duración do prazo de protección que depende de cada caso concreto. Ademais, para recibir a protección dos dereitos conexos, non se esixe cumprir o requisito de orixinalidade.

A protección dos dereitos conexos inclúe, por exemplo, a copia de gravacións discográficas e películas, a presentación pública de gravacións directamente desde a gravación ou por radio, ou a copia e o uso de meras fotografías. Polo tanto, para copiar e usar gravacións de imaxe e son ou meras fotografías, precísase o permiso do titular dos dereitos conexos.

Lei de Propiedade Intelectual Art. 105 e seguintes.

Dereito sui generis do fabricante de bases de datos

Considéranse bases de datos as coleccións de obras, de datos, ou doutros elementos independentes dispostos de xeito sistemático ou metódico e accesibles individualmente por medios electrónicos ou doutro xeito.

Se son orixinais protéxense por dereitos de autor e se non reúnen o requisito de orixinalidade quedará, cando menos, protexido o dereito sui generis do fabricante da base de datos que poderá impedir actos de extracción e/ou reutilización da totalidade ou dunha parte substancial do seu contido e actos de extracción e/ou reutilización repetida ou sistemática de partes non substanciais do contido dunha base de datos que supoñan actos contrarios a unha explotación normal da devandita base ou que causen un prexuízo inxustificado aos intereses lexítimos do fabricante. A protección do dereito sui generis do fabricante de bases de datos é máis limitada e cun prazo de vixencia máis curto que a protección dos dereitos de autor propiamente dita. A protección do dereito sui generis do fabricante é válida 15 anos desde o ano en que se rematou o proceso de fabricación, a contar desde o 1 de xaneiro do ano seguinte. Nos casos de bases de datos postas a disposición do público antes da expiración do período previsto anteriormente, o prazo de protección expirará aos quince anos, contados desde o 1 de xaneiro seguinte á data en que a base de datos fora posta a disposición do público por primeira vez.

A protección aplícase a unha base de datos na que o fabricante levou a cabo un investimento substancial, xa sexa de medios financeiros, emprego de tempo, esforzo, enerxía ou outros de natureza semellante, para a obtención, verificación ou presentación do seu contido. A idea é protexer o traballo de recompilación, o investimento levado a cabo, non a información contida na base de datos.

Receitas de cociña

Os dereitos de autor non protexen as proporcións das materias primas nin outra información, nin as creacións que obedezan exclusivamente a regras técnicas. Porén, un libro ou un artigo de receitas de cociña, no seu conxunto, poden ser independentes e orixinais e, polo tanto, estar protexidos por dereitos de autor. A forma de presentación dunha comida tamén pode ser unha obra se é orixinal.

Esculturas de neve e estatuas de area

Unha escultura de neve e unha estatua feita de area poden ser obras protexidas por dereitos de autor, aínda que non sexan permanentes.

Unha estrofa, un par de palabras, unha frase dunha canción

Unha estrofa ou frase dunha canción pode ser o suficientemente orixinal e, polo tanto, gozar de orixinalidade, aínda que sexan breves. Por iso, con carácter xeral, precísase autorización do autor aínda que só copies unhas frases ou estrofa da súa obra.

Obxecto de artes aplicadas

Os artigos de artes aplicadas, como os mobles e a roupa, caracterízanse, normalmente, por unha forma específica, que se determina segundo a función. Noutras palabras, a súa forma obedece máis a regras técnicas ca a decisións creativas. Por iso, a protección que ofrece o rexistro como deseño industrial da aparencia de obxectos como xoias, mobles ou roupa é o máis idóneo.

Porén, se estes obxectos están dotados de suficiente grao de orixinalidade, tamén poderán quedar protexidos polos dereitos de autor.

Se é orixinal, un traballo artesanal pode estar protexido por dereitos de autor.

Debuxo explicativo/instrucións de uso

Con carácter xeral, os debuxos explicativos do uso dun aparello ou utensilio ou os manuais de instrucións non obedecen a decisións creativas e persoais do seu autor, senón que obedecen a regras técnicas, polo que teñen escaso ou nulo nivel de orixinalidade.

 Coleccións de obras alleas ou antoloxías

As coleccións de obras alleas, de datos ou doutros elementos independentes como as antoloxías e as bases de datos que pola selección ou disposición dos seus contidos constitúan creacións intelectuais estarán protexidas por dereitos de autor. A protección das coleccións refírese unicamente á súa estrutura en canto forma de expresión da selección ou disposición dos seus contidos, non sendo extensiva a estes.

A protección das coleccións é independente da protección que poidan ter ou non ter os contidos.