2.11.2022

Nace a Aula do Dereito de Autor, unha plataforma dirixida a promover o coñecemento sobre a propiedade intelectual na comunidade educativa

Fomentar o coñecemento da propiedade intelectual entre a comunidade educativa e incrementar a capacitación dixital entre alumnos e profesores é o principal obxectivo da Aula do Dereito de autor, unha plataforma posta en marcha por CEDRO que, a través de xogos interactivos, traballa estas habilidades en alumnos de distintos niveis e profesores. 

A Aula do Dereito de Autor desenvolveuse baseándose nos contidos e os obxectivos dos novos plans de estudos e reúne materiais para todos os niveis de ensinanza. A través do xogo instrúe sobre os dereitos de autor, a súa aplicación práctica e o uso das licenzas para a utilización de diferentes materiais. Tamén conta cunha sección de consellos e recursos didácticos, vídeos, resumos e moito máis. Todos os seus contidos foron elaborados por profesionais da pedagoxía e os dereitos de autor en colaboración coa Dirección Xeral de Educación, o Ministerio de Educación e Cultura e o Sindicato de Educación (OAJ) de Finlandia. Na súa versión para España foron adaptados por CEDRO.

Na sección «Xoga e aprende» contén materiais e tarefas lúdicas para todos os niveis de ensinanza. Os docentes, ademais, contan cunha sección específica con consellos didácticos adaptados a cada curso, unha guía pedagóxica do profesor, así como recursos que poden usar de apoio nas clases, como exemplos para citar as fontes, resumos e diplomas. Esta sección inclúe, ademais, ferramentas para a avaliación de hábitos na aula e a implantación de boas prácticas.

A Aula ten, ademais, unha sección con información sobre os dereitos de autor, licenzas de uso para distintos materiais, así como preguntas frecuentes; e un percorrido para a produción persoal, que repasa paso a paso o proceso de produción propia e as súas directrices relacionadas cos dereitos de autor, a busca de información e a capacidade lectora crítica.