BUSCA DE INFORMACIÓN A información pode obterse de varias fontes: libros, xornais, revistas, Internet, con entrevistas, etc.
Identificación crítica das fontes Lembra a identificación crítica das fontes, así como contrastalas.
Sacar imaxes Pide permiso para fotografar persoas e publicar a súa imaxe.
USO DE MATERIAIS DE TEXTO A mera información e as ideas poden usarse libremente. Podes recompilar información de diferentes fontes (datos, datas, acontecementos…) e contala coas túas propias palabras. Non esquezas citar as fontes.
As citas Cando utilizas un fragmento do texto doutra persoa palabra por palabra trátase dunha cita. As citas márcanse con comiñas e indícase a fonte e o nome do autor.
Uso das obras escritas por outras persoas Para usar unha obra escrita por outra persoa, por exemplo, copiar un poema ou un artigo dunha publicación como parte do teu propio artigo, precísase o permiso do autor ou do titular dos dereitos. Porén, podes incluír unha cita sen pedir autorización. Para iso, debes limitarte a reproducir só un fragmento dunha obra xa divulgada (salvo que sexan imaxes), co obxecto de levar a cabo unha cita, análise, comentario ou xuízo crítico, sempre que concorra un fin docente ou de investigación. Lembra que sempre debes citar o autor e a fonte.
USO DE FOTOGRAFÍAS Nun artigo de xornal, podes utilizar: a) Imaxes feitas por ti b) Imaxes feitas ou tomadas por outras persoas
Co permiso do autor Podes pedir permiso para usalas directamente ao fotógrafo ou ao titular dos dereitos.
Cunha licenza Creative Commons, que autoriza o uso comercial Comproba as iconas da licenza para saber o que podes facer. O símbolo da licenza Creative Commons e o nome do autor deben indicarse xunto á imaxe.
Imaxes que poden publicarse libremente As imaxes cuxo prazo de protección vencera poden publicarse e usarse libremente.
Facer e usar imaxes de obras de arte coas restricións dos dereitos de autor Un artigo de xornal relatando un suceso do día, como a inauguración dunha exposición de arte ou unha poxa, pode ir acompañado dunha imaxe dunha fotografía na que se vexa algunha das obras exhibidas na exposición. Isto é así porque a Lei de Propiedade Intelectual establece que calquera obra susceptible de ser vista ou oída con ocasión de informacións sobre acontecementos da actualidade pode ser reproducida, distribuída e comunicada publicamente, aínda que só na medida en que o xustifique esa finalidade informativa. Poden facerse fotos, vídeos ou debuxos das obras situadas permanentemente en parques, rúas, prazas ou outras vías públicas sen autorización.
USO DE VÍDEOS Precísase permiso para incluír un vídeo ou un fragmento del como parte dun artigo xornalístico. O permiso pode pedirse ao autor ou ao titular dos dereitos de autor (por exemplo, o produtor) ou a autorización para o uso do vídeo puido concederse cunha licenza Creative Commons. Consulta detidamente as condicións de uso da licenza Creative Commons. Pode incluírse unha ligazón directa a un vídeo que estea en Internet con autorización. Para inserir un vídeo noutro sitio web, como norma xeral, precísase o permiso do autor ou do titular dos dereitos.
DATOS DO AUTOR VISIBLES Lembra mencionar todos os autores e os datos dos autores das obras que utilices no teu artigo xornalístico.
PUBLICACIÓN DUN ARTIGO XORNALÍSTICO Comproba que tes todos os permisos necesarios para publicar as túas imaxes e outras obras.
A persoa entrevistada adoita querer revisar a súa declaración antes de publicar o artigo.